Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño retoma este venres o programa Tempos para compartir cun obradoiro sobre coidado de plantas


A área municipal de Igualdade organiza para o venres a partir das 18:30h unha nova edición do programa de lecer activo Tempos para compartir, centrado nesta ocasión nos coidados básicos de plantas de xardín e terraza. De impartilo encargarase Micaela Campanini, do viveiro local Flor Galicia, quen repasará o máis importante que se debe saber para que as nosas plantas ornamentais luzan sempre fermosas e con todo o seu vigor. O obradoiro desenvolverase no arboreto da Cortiña e ofértanse 12 prazas gratuítas. Cómpre reservar ata o mesmo día chamando ao 981 490 027 (axente de Igualdade).

O Tempos para compartir é unha iniciativa veterana na programación municipal que xurdiu hai unha década para fomentar as relacións sociais e a posta en común de coñecementos entre a veciñanza arredor de campos tan diversos como a cociña, a artesanía, os traballos domésticos, o autocoñecemento…etc. Os temas proponos a veciñanza que quere “compartir” calquera cousa que saiba facer -unha afección, un oficio…- mentres que o Concello se encarga de poñer a data e proporcionar os materiais básicos, ademais de organizar toda a loxística do obradoiro.
O programa viuse interrompido pola pandemia e desde o ano pasado o Concello promoveu varias tentativas de recuperalo coa súa periodicidade mensual que, porén, non lograron callar por distintas razóns. Agora, co mandato corporativo recén estreado, a área de Igualdade quere darlle novo impulso como punto de encontro para todas as idades e espazo de lecer alternativo.
Neste sentido, a primeira das propostas desta nova etapa está programada para o venres a partir das 18:30h no arboreto galego da Cortiña -se chove farase a cuberto-, coincidindo ademais co peche das escolas de ximnasia de mantemento e de memoria activa para persoas maiores, que terán unha pequena merenda de despedida do curso á beira do Xubia.
O tema principal vai ser o coidado das plantas de exterior, contando co coñecemento da viveirista ornamental Micaela Campanini. “Neste taller enfocarémonos en aprender os coidados básicos necesarios para o mantemento de plantas de xardín e terraza. Aprenderemos técnicas clave como a poda, a fertilización, o trasplantado e a detección e tratamento das pragas máis comúns”, explica Campanini engadindo que se verán “ferramentas e prácticas moi sinxelas para que as plantas gocen de boa saúde e para que estean bonitas durante todo o ano”.
O Tempos para compartir ofrece 12 prazas gratuítas que deben reservarse contactando no 981 490 027 con Oriana López, a axente de Igualdade que acaba de incorporarse ao Concello con carácter temporal despois de obter a maior puntuación na bolsa de emprego convocada pola Administración local para cubrir substitucións da titular, Verónica Rodríguez.